Vila de Cruces conságrase ao Galo de Curral

A localidade pontevedresa de Vila de Cruces acolle esta fin de semana a XV edición da Festa Gastronómica do Galo de Curral, na que se repartirán máis de 4.000 racións deste prezado manxar. Os actos comezan o sábado coa Gala Gastronómica “O Galo Tolo”, que terá lugar no Auditorio Xosé Casal a partir das 21.00 horas.

Os actos principais agárdanse para o domingo, día da degustación. Ás 10.00 horas procederase ao inicio da venda de exemplares sacrificados e, a partir de entón, un programa festivo encherá a localidade de diversión. Actuacións musicais como as de A Roda e Andy & Lucas completaranse coa lectura do pregón, ás 13.30 horas, a cargo dos irmáns Calatrava. Pola tarde, XV Festival de Bandas de Música de Galicia coa presenza das agrupacións de Pontedelesma, Lalín, Merza e Pontevedra. Unha carpa resgardará aos asistentes en caso de choiva.

RECEITA TRADICIONAL

Un dos establecementos que ofrecen a receita tradicional do Galo de Curral é Casa Castro onde a súa cociñeira, Belén Castro, xa ten os galos en adobo. Tras 24 horas, procédese á súa preparación. Ponse aceite nunha pota cunha cebola. Cando estea quente, bótase o galo e cando comece a dourar, bótaselle un pouco de azafrán, un chorriño de viño Branco e un chorro de brandy. A continuación, bótaselle un pemento verde, un tomate natural e cenouras. Cando todo rompa a ferver, métese ao forno ata que estea listo. Paralelamente, dóuranse as patacas, cúbrense coa salsa de facer o galo e métense ao forno. O galo sérvese coas patacas asadas e unha guarnición de chícharos.
Durante todo o ano pódese degustar o galo, se ben é necesario encargalo previamente. Estes días, sen embargo, non faltará produto nos diferentes restaurantes e casas de turismo rural da zona. Os máis de 30 criadores de Galo de Curral da zona agardan que a festa sexa todo un éxito e que contribúa, un ano máis, a dar a coñecer este produto que aspira a conseguir unha denominación de orixe ou o selo de produto de calidade, co obxectivo de abarcar todo o mercado nacional.