Eric Salomon interésase polos viños da Ribeira Sacra

A empresa estadounidense Eric Salomon, importadora de viños, busca marcas na Ribeira Sacra que cumpran unha serie de requisitos: calidade, prezos axeitados, presenza estética da botella e etiquetaxe e un determinado volume de produción.

Para coñecer mellor estes viños, un representante da firma visitou a zona e tivo oportunidade de catar ata 38 mostras diferentes, das que 5 eran brancos e 5 en barrica. O catador, Daniel González, seleccionou tres marcas e remitirá a súa información a Eric Salomon que, previsiblemente, visitará a Ribeira Sacra tralo verán para manter encontros cos responsables destas adegas e iniciar o traballo.

González considera que a Ribeira Sacra ten un bo viñedo e terreo con moita personalidade, polo tanto ten a base para acadar o éxito. Segundo o catador, o futuro da zona pasa polo viño en barrica pero comedido, empregando máis a barrica como condimento que como ingrediente.