Galicia terá unha marcada presenza na Expo de Shanghai 2010

Santiago de Compostela trasladará á Expo de Shanghai, que se celebra en 2010, toda a oferta de Galicia. A capital do país foi seleccionada para asistir dentro do stand adicado ás cidades, xunto con Barcelona, Madrid, Bilbao e Zaragoza. Nese sentido, a Xunta de Galicia realizará un gran esforzo promocional nesta cita, aproveitando todo o que supón Santiago e a súa acollida no Lexano Oriente. “Para a Xunta é un orgullo que Compostela acuda a esta mostra representando a Galicia, e por iso traballaremos para conseguir que esta presenza se convirta nun éxito”, sinalou o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño.

Por outra banda, a Xunta e o Concello de Santiago veñen de crear unha comisión que velará pola organización e a dotación de servizos de cara ao Xacobeo 2010. O cometido desta comisión mixta é o de prever as necesidades que poida xerar a chegada masiva de visitantes no Ano Santo (agárdanse entre sete e oito millóns).

Os traballos centraranse en aspectos como o da seguridade, o tráfico ou a atención sanitaria. No mes de setembro comezarán as reunións desta comisión.