Os xornalistas e escritores de turismo coñeceron os segredos de Guitiriz

O Balneario de Guitiriz abriu as súas portas á Asociación Galega de Xornalistas e Escritores de Turismo (Agaxet), que esta fin de semana puideron coñecer todos os segredos desta vila lucense, que goza de múltiples alternativas de ocio. Unha delas, a coñecida como Ruta da Auga (na súa versión curta, de 6 kilómetros de lonxitude) foi, precisamente, percorrida polos membros de Agaxet. Transcorre paralela ao río Parga e ofrece estampas de gran beleza como as dos coutos de pesca, as pontes ou os muíños que o salpican.

No treito final, os camiñantes estiveron acompañados da alcaldesa de Guitiriz, a socialista Regina Polín. E é que Guitiriz é unha das vilas termais galegas por excelencia, con varias fontes de augas medicinais e o Hesperia Guitiriz, que cumpre o seu centenario en 2008. O seu director, José Cañas, recibiu persoalmente aos membros da Agaxet e participou no xantar, no que os participantes degustaron o Menú Centenario: execución moderna para un menú clásico composto por Dúo de Polbo e vieira con tosta de empanada; Lombo de pescada con rosa de pemento vermello sobre lago de pataca; Corazón de solomillo de tenreira con texturas de millo e fundición de queixo de Arzúa-Ulloa ao aroma de Mencía lugués e, de postre, Torta de Millo coas súas cinzas, con mousse de requeixo e baño de frutos vermellos con xeado de mazá verde. Execución máis que notable do chef Martín Lema.

Trala comida, a directiva da asociación celebrou a primeira xuntanza preparatoria dos Premios Dagda HG&T-Agaxet na que se apuntaron as primeiras propostas para os galardóns e se reiteraron os prazos, de aquí a setembro, para a conformación definitiva das ternas.

Pódense enviar propostas para as candidaturas a través do cupón que se inclúe na páxina 4 de HG&T ou a través da web www.grupohgt.com.