Resíntese a dieta natural

Galicia é un dos exponentes da coñecida como dieta atlántica, que ten a súa base no consumo de peixe, froitas e verduras. Os beneficios destes alimentos están sobradamente comprobados pero o certo é que todos eles, pero especialmente as froitas e as verduras, non están presentes nas cantidades que deberían nos menús dos galegos. De feito, Galicia é a segunda comunidade autónoma española, xunto con Cataluña, onde menos froita se consome, déficit que pode provocar trastornos derivados como obesidade ou doenzas cardiovasculares.

No polo contrario sitúanse comunidades como Asturias ou Valencia.
Un dos motivos que aducen os consumidores para xustificar a ausencia de froitas e verduras nas súas dietas é que os alimentos están a perder sabor, especialmente os produtos frescos. De feito, segundo o estudo Los españoles y el sabor, o 80,8% dos cidadáns pagarían máis por eses alimentos se soubesen mellor, sempre que o incremento non fose desorbitado.

Nesa liña están os produtos da agricultura ecolóxica que, sendo un pouco máis caros que os convencionais, si aportan un plus de sabor e calidade derivada dos diferentes sistemas de produción. O produto ecolóxico estrela en Galicia segue sendo, con moito, o leite pero cada vez hai máis iniciativas que se van sumando a este tipo de producións que se destinan ao mercado nacional e incluso internacional.