Cabras do Xurés, un exemplo das posibilidades do rural galego

Dos Alpes franceses procede o rabaño de cabras do que se extrae o leite para elaborar os queixos Cabras do Xurés, un exemplo das múltiples posibilidades que ofrece o rural galego.

O seu ideólogo, o xoven Antonio Dacuña, viaxou ata o país veciño para elixir os animais e trasladalos a Galicia para iniciar esta difícil empresa que é introducir no mercado galego un queixo de cabra. Tras varios anos de sacrificio e moito traballo, os resultados comezan a chegar.

Non en van, a iniciativa foi recoñecida co premio da Axencia de Desenvolvemento Rural de Galicia (Agader). O rabaño componse de 92 animais pero Dacuña ten intención de chegar aos 300, cunha produción diaria de leite de 3 litros por cabra.