Innovación e Industria publica a primeira revista especializada en artesanía de Galicia

“Obradoiro de Artesanía” é a primeira revista especializada de Galicia no sector da artesanía. É de periodicidade semestral e nace coa pretensión de se converter nunha publicación de referencia para a artesanía galega.

A Xunta agarda que a revista contribúa a prestixiar a marca Artesanía de Galicia, a poñer en valor a importancia da artesanía como sector económico e a divulgar un sector tan heteroxéneo coma o artesán dende todos os puntos de vista posibles.

A revista será gratuíta e estará dispoñible en dous idiomas, galego e inglés, de xeito que se facilite a súa distribución entre os artesáns profesionais e os organismos e institucións relacionados co sector, tanto do interior como do exterior do país. A revista poderase descargar tamén en formato pdf, na nova versión da páxina web www.artesaniadegalicia.org que estará dispoñible a partir do mes de outubro.