Medio Rural traballa na recuperación de variedades de viño autóctono

Investigadores da Estacion de Viticultura e Enoloxía de Galiza (Leiro- Ourense) traballan na recuperación de variedades de viño autóctonas a través do banco de xermoplasma de EVEGA, en colaboración coa Universidade de Santiago.

A finais dos 80 iniciouse a recollida de variedades de vide de cultivo ancestral en Galiza e con elas constituíuse o banco, que hoxe en día conta con máis de 90 tipos de vide diferentes. Analizado máis do 50 por cento do banco, os resultados descubriron que un 13 por cento das variedades revisadas até o de agora non foran estudadas nunca antes en Galiza pola comunidade científica.

O banco de xermoplasma da EVEGA ten rexistradas, na actualidade, 91 variedades de vide: 41 tintas, 36 brancas, 9 viníferas para mesa e 5 híbridos produtores directos. De cada unha delas o banco conta, así mesmo, con varios biotipos, é dicir, manifestacións da mesma variedade procedentes de diversas áreas xeográficas de Galiza. Son en total 400, os biotipos con presenza na EVEGA. A Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia conta, ademais, cunha colección de 37 variedades portuguesas.