O Barco ensalza a gastronomía e o folclore como elementos multiculturais

A localidade ourensá de O Barco de Valdeorras acolle a VI edición das súas Xornadas Multiculturais, nas que a gastronomía e o folclore teñen un peso específico. O municipio conta cunha significativa comunidade inmigrante, motivo polo que se decidiu organizar estas actividades. “A comida e o folclore é o que máis atrae”, confesan fontes municipais, por iso son dous vectores importantes na programación.

O “Ballet de la Costa”, de Arxentina, e o grupo de capoeira “Muzenza” encargaranse do aspecto musical e non faltarán actividades para os máis pequenos, xogos tradicionais de diferentes países de Latinoamérica e Europa e unha degustación de pratos típicos de distintas nacionalidades, que serán preparados polos propios inmigrantes que residen en O Barco.