Cultura redactará os plans directores dos parques culturais abertos de Cabo Fisterra e Santa Tegra

Dous dos espazos arqueolóxicos, culturais e paisaxísticos máis notables de Galicia contarán con senllos plans directores. A Consellería de Cultura investirá 435.000 euros na redacción dos plans da península do Monte Santa Tegra, na Guarda, e da península do Cabo de Fisterra. Estarán listos a principios de 2010 e teñen por obxectivo crear dous grandes parques culturais musealizados abertos, baseados nos xacementos arqueolóxicos e nos elementos patrimoniais e naturais do contorno.

O plan fará unha análise pormenorizada da situación actual, o estado de conservación, as necesidades de intervención e as potencialidades dos valores culturais, paisaxísticos, naturais e turísticos do espazo. Analizaranse ademais as infraestruturas existentes, os accesos e fluxos de visitantes, os usos, os viais e todos os elementos que afectan ao espazo.

No caso do Monte Santa Tegra, o plan contemplará a incorporación de Camposancos Vello ao percorrido cultural, e a creación dun centro de interpretación do conxunto na Casa Forestal.
No plan director do Cabo de Fisterra, deseñarase a recuperación de sendeiros peonís para acceder aos elementos de valor etnográfico e paisaxístico, e nos que se integraría o novo camposanto de Fisterra.

Ademais o plan contemplará a incorporación ao conxunto das construcións do Vilar Vello e outras construcións de carácter etnográfico, e o contorno da Ermida de San Guillerme e o Facho. Tamén se estudará a creación dun centro de recepción e interpretación nas proximidades da Igrexa de Santa María das Areas.