Innovación e Industria recupera e amplía o museo catedralicio e diocesano de Mondoñedo

A Consellería de Innovación e Industria vén de investir 475.000 euros na rehabilitación de tres salas e do patio do pazo episcopal de Mondoñedo, así como en diversas obras de saneamento da fachada sur do mesmo edificio. Os espazos recuperados acondicionaranse para a ampliación e mellora do Museo Catedralicio e Diocesano.

De cara a final de ano estará concluída a montaxe dos paneis e das pezas do museo, para que a través do total das súas seis salas e o patio se poida facer un percorrido interpretativo pola longa historia da diocese. O conxunto de pezas de arte sacra dende a Idade Media ata o Barroco, pasando polo Renacemento, serán máis accesibles para os visitantes, o que significa a posta en valor dun rico patrimonio e a ocasión de xunguilo coa tradición das peregrinacións xacobeas polo Camiño Norte.