O Instituto de Estudos Turísticos analizará o comportamento dos tres aeroportos galegos

O Instituto de Estudos Turísticos (IET), impulsado pola Consellaría de Innovación e Industria, levará a cabo estudos sobre o comportamento dos tres aeroportos galegos, e tamén sobre os fluxos de turistas que chegan ao país en avión e o perfil do viaxeiro que emprega este medio de transporte, segundo avanzou no Parlamento o director xerente de Turgalicia, Xesús Pereira.

Na súa intervención, Pereira detallou que o IET porá en marcha un "estudo do comportamento" das terminais de Alvedro, Lavacolla e Peinador, ao tempo que analizará "a evolución de tendencia dos fluxos" e tamén "o perfil dos viaxeiros que chegan aos tres aeroportos galegos".

Xunto a este novidoso estudo, Xesús Pereira recordou que o IET tamén levará a cabo outros informes sobre a situación do sector turístico en Galicia, como un Observatorio do Camiño ou unha estadística sobre o turismo termal na comunidade, un apartado no que Galicia é líder no conxunto de España.