A oferta turística galega promociónase nas Illas Canarias

A Consellaría de Innovación e Industria, a través de Turgalicia, presenta estes días a oferta turística galega en Santa Cruz de Tenerife e As Palmas de Gran Canaria, dentro da campaña de presentacións e comercialización que se estenderá ata finais de novembro por oito cidades españolas. Xesús Pereira, director-xerente de Turgalicia, encabeza a misión comercial, na que participan unha trintena de empresarios galegos en cada presentación.

Como colofón, ten lugar unha cea-espectáculo que este ano conta coa actuación do grupo musical Luar na Lubre. Nesta campaña, a presentación do turismo galego céntrase na promoción de Galicia como un destino diferenciado, con produtos propios, dos que o visitante poderá gozar de distintos xeitos.

Promociónanse especialmente os centros históricos das cidades galegas e a Ribeira Sacra.