Presentación de Xantar no Festival Gastronómico de Santarem

O Salón Gastronómico Xantar, que se celebrará en Expourense entre o 4 e o 8 de febreiro de 2009, foi presentado no Festival Nacional de Gastronomía de Santarém, en Portugal. Ata a cidade portuguesa, que está a 80 quilómetros de Lisboa, acudiu unha representación ourensana e galega para presentar a X edición de Xantar, encabezada polo xerente de Expourense, Alejandro Rubín.

O acto tivo lugar o pasado sábado, 18 de outubro, con motivo do día de Galicia no Festival Nacional de Gastronomía, en presenza do director e subdirector do Centro Superior de Hostalería de Galicia, Xosé Paz e Luis Rial, respectivamente, así como do delegado en Ourense da Consellaría de Innovación e Industria, Xosé Antón Jardón. Ata Santárem desprazouse tamén o tenente de alcalde de Vilagarcía, Xosé Castro Ratón, cun grupo folclórico que amenizou a xornada e filloeiras do concello de A Baña.

Xantar, que naceu en 1999, recrea en 8.000 metros cadrados 19 restaurantes con todo luxo de detalles e servizos co obxectivo de resaltar as materias primas coas que se elaboran os menús. O Salón está inspirado no Festival de Gastronomía de Santarém aínda que ten máis calidade na súa oferta gastronómica e, sobre todo, máis comodidades para os visitantes.