Santiago Catalán proxecta o edificio do Centro Tecnolóxico Lácteo de Galicia

A proposta do arquitecto lucense Santiago Catalán foi a gañadora do concurso de adxudicación da redacción do proxecto construtivo e dirección de obra do Centro Tecnolóxico Lácteo de Galicia, que se localizará no parque científico e tecnolóxico das Gándaras, segundo informou o conselleiro de Industria, Fernando Blanco. Tanto o inmoble en si coma o futuro centro que se situará nas súas instalacións marcan un salto cualitativo no estado da investigación e transferencia tecnolóxica na cidade de Lugo e no sector agroalimentario galego.

A proposta de Santiago Catalán estrutúrase en forma de “L” en tres volumes con funcións diferentes e con patios axardinados que favorecen o alumeado interior. Dous volumes sitúanse no baixo andar, a área de investigación e a de difusión, e o terceiro volume acolle a área administrativa ocupando o primeiro andar.

A superficie total é de 3.509 metros cadrados que se reparten entre as seis áreas funcionais das que vai constar o Centro Tecnolóxico. A máis importante será a área de tecnoloxía alimentaria, que incluirá catro liñas de fabricación para elaborar produtos lácteos.