A Xunta impulsa a lei sobre os aeródromos galegos, que regulará as 56 instalacións existentes

O anteproxecto da Lei de Aeródromos de Galicia, que conta co informe preceptivo do Consello Económico e Social, será aprobado en breve polo Consello da Xunta, que o enviará ao Parlamento. Este documento regulará os aeroportos, aeródromos e heliportos existentes na actualidade, un total de 56, e os que se poidan construír nun futuro.

A nova lexislación permitirá á Xunta asumir a competencia prevista no Estatuto de 1981 sobre os aeródromos e heliportos non cualificados de interese xeral polo Estado. Outras comunidades españolas aínda carecen dunha normativa semellante.

Por outra banda, a aeroliña Flysur anunciou definitivamente que suspende os voos de Vigo a Córdoba, aínda que afirma que pretende volver ao aeroporto vigués. Esta compañía comezou a operar neste aeródromo hai tan só mes e medio.