Formación e gastronomía nos Sabores de Outono de Ourense

A Unión de Hosteleros Ourensanos organiza un completo programa para os vindeiros días denominado “Sabores de Ourense” e que está consagrado aos produtos típicos de outono. Así, contempla unhas xornadas formativas e outras gastronómicas, que se estenderán do 10 ao 17 de novembro.

Nas xornadas de formación intervirán o cociñeiro e xornalista Pepe Iglesias e os cociñeiros David Balbona e Ramón Celorio. Haberá conferencias, aulas prácticas de cociña con setas e castañas e unha cata-degustación de viños de O Ribeiro.

Con respecto ás xornadas gastronómicas, os mellores bares e restaurantes de Ourense ofrecerán menús e tapas especiais con estes típicos produtos de outono, con prezos tamén especiais. En total, participan vinteséis establecementos.