O Observatorio Astronómico de Forcarei abrirá en breve as súas portas

A falta de ultimar certos detalles relacionados con temas de seguridade, o Observatorio Astronómico de Forcarei, o primeiro público en Galicia con fins de divulgación científica e astronómica, está a piques de iniciar a súa actividade. As instalacións están xa rematadas, o telescopio a punto e todos os sistemas debidamente validados. No 2009, data que coincide coa celebración do Ano Internacional da Astronomía, o centro estará xa en pleno funcionamento.

Promovido pola Fundación Ceo, Ciencia e Cultura, o complexo inclúe un edificio de oito metros de diámetro situado nuns terreos de 10.000 metros cadrados doados polo veciños do municipio. Visitas diúrnas e nocturnas, xornadas de portas abertas, campamentos... son só algunhas das actividades coas que botará a andar.