Sánchez Bugallo participa na asemblea de Cidades Patrimonio da Humanidade

A Casa Consistorial de Tarragona acolleu a asemblea das Cidades Patrimonio da Humanidade, na que participou o alcalde compostelán e vicepresidente da entidade. Na asemblea aprobáronse por unanimidade todos os puntos da orde do día, entre os que destacaron os referente ás finanzas do grupo, ás comisións de seguridade, turismo e cultura.

De seguido aprobouse o Plan de Actuacións en materia de Turismo para o ano 2009 nos termos das propostas da comisión integrada polo equipo de técnicos representantes das trece cidades. Entre outros temas, deuse a coñecer á asemblea a proposta da cadea pública americana Universal Televisión de realizar unha serie documental de trece capítulos sobre as cidades integrantes do grupo. A devandita serie será emitida en todo o territorio de EE.UU. Esta proposta foi favorablemente acollida por todos os membros da asemblea pola difusión dos valores turísticos, patrimoniais e culturais que pode supoñer. Esta serie vaise realizar en colaboración con Turespaña e Paradores. Na asemblea aprobouse tamén a asistencia ás feiras de Berlín e Tokio e ás que se realizarán conxuntamente con Turespaña, conforme ó convenio asinado con esta organización estatal.

Finalmente deuse a coñecer a proposta da Unesco de realizar un programa de cooperación en Camagüey, Cuba, con técnicos de toda Hispanoamérica, os días 2, 3 e 4 de febreiro do 2009. Esta proposta será aprobada na xuntanza da executiva que terá lugar en Segovia o día 16 de decembro.