Este mércores péchase o prazo de presentación de traballos ao Álvaro Cunqueiro

Un total de 16 traballos se presentaron polo momento no Concello de Lalín para concorrer ao XV Premio Nacional de Xornalismo Gastronómico Álvaro Cunqueiro, que este ano repartirá 8.000 euros en premios e cuxo prazo de presentación de traballos remata o mércores. A maior parte dos traballos presentados son artigos (un total de cinco) ou reportaxes xornalísticas (outros cinco), pero tamén se presentan ao Álvaro Cunqueiro dous libros sobre gastronomía galega, dous programas de radio e televisión, unha serie de viñetas gráficas e unha páxina web. Haberá un primeiro premio dotado con 5.000 euros, e tres áccesits, dotados con 1.000 euros cada un.

O fallo deste Premio, convocado polo Concello de Lalín en colaboración coa asociación Amigos da Cociña Galega e demais asociacións gastronómicas galegas, correrá a cargo dun xurado, que estará integrado por xornalistas de recoñecido prestixio e darase a coñecer oficialmente nun acto programado ao efecto en Lalín que terá lugar con anterioridade á celebración da XLI Feira do Cocido, que terá lugar o próximo 15 de febreiro.