Oito bancos marisqueiros recuperados polo saneamento das rías

A posta en marcha das medidas do Plan de Depuración das Rías Galegas está a dar os seus froitos, ata o punto de que un total de oito bancos marisqueiros veñen de ser recatalogados e nalgúns deles xa se pode extraer marisco para vender en fresco. Pontevedra, Pontedeume, Muros ou Cedeira son algunhas das zonas nas que se estivo a actuar, e que conseguiron mellorar as condicións dos seus bancos marisqueiros.

En total, benefícianse destas medidas os profesionais de dez confrarías galegas (Cedeira, Pontedeume, Corcubión, Fisterra, Lira-Carnota, O Pindo-Carnota, Muros, Pontevedra, Lourizán e Bueu). Melloráronse as depuradoras existentes e tamén as redes de saneamento, coa construción de novas instalacións.

En canto á contaminada ría de Ferrol, Medio Ambiente fará público hoxe un decreto para declarala como "zona sensible", ao tempo que se compromete a rebaixar os parámetros de fósforo e nitróxeno existentes nas súas augas.