Os GDR de Pontevedra xestionarán un investimento de 31,6 millóns de euros

O conselleiro de Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, asinou os convenios cos seis Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) que xestionarán proxectos na provincia de Pontevedra por un importe de 31,6 millóns de euros. Cinco dos seis grupos pontevedreses atópanse entre os sete con máis fondos de toda Galicia, ao tempo que a implicación social nestes GDR é a máis elevada do país, xa que no conxunto da provincia hai máis de 1.200 entidades integradas nestes grupos, o que supón unha media superior aos 200, cando a media de Galicia está nos 160.

Neste senso, Suárez Canal salientou que "a carteira de liñas presentadas a esta convocatoria en Pontevedra traduce un verdadeiro impulso para o rural facendo valer as estratexias de valorización produtiva, con propostas para o peche de ciclos, tanto de transformación industrial coma de comercialización, de diversificación da industria agraria e de aproveitamento e mellora enerxética", dixo o conselleiro.

Unha vez asinados os convenios, os grupos xa poden comezar a funcionar e botar a andar os seus proxectos, de xeito que a aplicación do Programa Leader 2007-2013 constitúa unha oportunidade máis para mitigar o impacto da crise económica.