Galicia mostra a súa oferta en catro cidades españolas

A Consellaría de Innovación e Industria, a través de Turgalicia, tras percorrer oito cidades españolas, continúa o vindeiro 10 de marzo en León a campaña de presentación e comercialización da oferta turística galega para o ano 2009. Esta promoción estenderase ata finais de marzo en Burgos, Tarragona e Zaragoza.

Esta acción ten como eixo a comercialización dos produtos turísticos galegos a través das propias empresas turísticas, así como a promoción dos recursos turísticos xerais de Galicia. Este ano promociónanse de xeito especial os centros históricos das cidades galegas así como a Ribeira Sacra.

Á parte, danse a coñecer os recursos relacionados coa cultura e a natureza e incídese en produtos emerxentes como o golf e a náutica.