Pittacum, vencedor da Cata Tops Tranfronteirizos de viños tintos

O viño da adega galega Terras Gauda, Pittacum (D.O. Bierzo), foi o vencedor da Prova Tops Tranfronteirizos para viños tintos que se celebrou en Padrón e na que participaron viños procedentes das denominacións Douro, Verdes, Toro, Ribera del Duero, Bierzo, Monterrei, Valdeorras e Ribeira Sacra. En estreita colaboración coa Asociación Galega de Sumilleres (Agasu), o grupo Hostelería Galega & Turismo organizou esta cata para realizar un seguemento aos viños tintos do cuadrante noroeste peninsular mellor valorados polas guías e publicacións especializada e con mellor relación calidade-prezo, de cara ao consumidor final.

Tras Pittacum clasificouse, en segundo lugar, o viño Pintas (Douro), sendo o terceiro o Celeste (Ribera del Duero). Tras eles, tres viños do Douro: Callabriga (4º), Redoma (5º) e Quanta Terra (6º). O seguinte grupo de tres completouse co Ribera del Duero Pago Santa Cruz, que foi sétimo; El Pecado, da Ribeira Sacra, que foi oitavo e o D.O. Douro Curva, da adega Sogevinus, que se clasificou en noveno lugar.

O xurado, composto por prescriptores lusos e galegos, fundamentalmente pertencentes á Asociación Galega de Sumilleres, situou en cata cega a viños máis baratos por enriba doutros máis caros, demostrando que, ás veces, o gusto non vai parello á suposta categoría dos viños que podería denotar o seu prezo.