Una nova fin de semana festiva en Galicia

Os galegos non nos podemos queixar de festas. Todas as fins de semanas temos múltiples opcións para encher o noso tempo de ocio. Nesta que acaba de pasar, as citas foron múltiples, nas catro provincias. Por exemplo, celebrouse con gran éxito a festa de San Marcos de Noia, na que destacou a feira cabalar. En Pontevedra foi o oficio das palilleiras o que centrou un encontro multitudinario no que participaron 780 palilleiras procedentes de distintos puntos da xeografía nacional, e que contribuiu a encher os hoteis da cidade.

Na mesma provincia, pero na localidade de Cerdedo, celebrouse con gran éxito unha nova edición da Festa do Xabarín, á que acudiron unhas sete mil persoas. O éxito foi tal que se distribuiron o dobre de racións que na edición de 2008. En Ourense, concretamente na localidade de Monterrei, celebrouse o primeiro Encontro de Papaventos Chineses, no que participaron, sobre todo, os máis pequenos do lugar.

Na provincia da Coruña, a localidade de Ordes celebrou unha nova edición da Festa do Champiñón que abarrotou os locais hostaleiros da vila. De feito, máis de 20.000 persoas acudiron á cita ordense e degustaron, de xeito gratuito, sete toneladas de champiñóns. Tamén gastronómica foi a cita que propuxo o Concello de Ames, concretamente en Milladoiro, onde se celebrou a segunda Festa das Tapas. Nécoras, navallas, empanada, paella ou churrasco foron algunhas das propostas.

No sur de Pontevedra, a cita foi coa lamprea, concretamente na localidade de Arbo. Un ano máis, a festa adicada a este aprezado peixe foi todo un éxito: 25.000 persoas degustaron as 5.000 lampreas que dispuxo a organización. Tamén no Baixo Miño, pero desta volta na localidade de Tomiño, celebrouse a VI Mostra de Cultivos do Baixo Miño, na que participaron unha trintena de viveiros, produtores de horta e empresas auxiliares do campo.

Na provincia de Ourense, unha das citas máis curiosas foi a Feira de Abril de O Carballiño, que contou coa participación de dúas carretas típicas andaluzas. Ademais, os locais de hostalería da vila transformaron a súa oferta gastronómica, incluíndo pratos típicos desta comunidade autónoma. Na provincia de Pontevedra, a localidade de Valga celebrou o bicentenario da Batalla de Casal do Eirigo, con diversos actos conmemorativos, entre eles, a escenificación da loita por parte dos veciños.