Cultura e Turismo pon en marcha a primeira fase dun plan corrector de deficiencias dos Camiños de Santiago.

A Secretaría Xeral para o Turismo, dirixida por Carmen Pardo López, comezou hoxe un procedemento de recollida de información a través dunha consulta escrita sobre as deficiencias e necesidades de mellora das infraestructuras xacobeas. O obxectivo desta consulta, dirixida aos hostaleiros do Camiño, a través das Asociacións de Hostalería; aos Concellos polos que discorren as rutas xacobeas; e mais ás Asociacións de Amigos dos Camiños de Santiago; é a elaboración dun plan corrector das deficiencias e necesidades que presentan as Rutas Xacobeas.
A Consellería de Cultura e Turismo pretende así ter en conta a opinión dos sectores, organizacións e axentes sociais implicados na conservación e mellora da ruta, así como na súa difusión e promoción, de cara a establecer unha colaboración estreita e duradeira e tratar, deste xeito, de solventar as posibles carencias e déficits das infraestructuras e servizos de cara ao Ano Santo. Con esta medida preténdese corrixir as deficiencias e incrementar a calidade do servizo aos peregrinos, tanto nos albergues como nos aloxamentos privados e aumentar con isto o grado de satisfacción dos que nos visitan.
Plan corrector dos Camiños de Santiago.
Os concellos polos que pasan os Camiños de Santiago, os hostaleiros que posúen negocios de aloxamento ou restauración ao longo das vías xacobeas, e mais os integrantes das Asociacións de Amigos dos Camiños de Santiago que realizan unha importante labor de promoción e conservación das rutas poderán comunicar ao xestor administrativo competente as súas inquedanzas e observacións relacionadas cos albergues, os servizos, o patrimonio arquitectónico ou natural, as rutas, sinalizacións ou os servizos.