Lugo revive o seu pasado romano e Ourense, o medieval

Esta fin de semana, as cidades de Lugo e Ourense viven unhas festas moi especiais, nas que agardan contar coa visita de milleiros de persoas. Lugo revive o seu pasado romano co Arde Lucus, unha festa relativamente nova pero que xa calou nos lugueses e, en xeral, dos galegos. De feito, os establecementos hoteleiros da cidade colgarán o cartel de “completo”.

O casco histórico de Lugo está engalanado e esta tarde comezarán a chegar os primeiros batallóns romanos. Non faltarán o campamento, o circo, os desfiles e o mercado, entre outros.

E Ourense transfórmase nunha vila medieval grazas a unha multitudinaria feira na que participarán máis un cento de postos e actividades de animación.

Exposicións, exhibicións de cetrería, actuacións teatrais e musicais… non faltará de nada para que ourensáns e visitantes se divirtan durante toda a fin de semana lembrando o pasado medieval da cidade. Os postos de comida concéntranse na praza Maior.