Medio Rural comeza as inspeccións de uva previas á vendima

A Consellería do Medio Rural puxo en marcha os servizos de Control de Calidade Agroalimentaria e Industrias co obxectivo de garantir o cumprimento dos regulamentos comunitarios sobre a circulación de produtos vitivinícolas. Estes controis contan, como vén sendo habitual, coa colaboración da Policía Autonómica e a Garda Civil, que se encargan de vixiar o transporte de partidas de uva procedentes de Galicia e doutras comunidades autónomas.

O obxectivo último é contribuir a preservar a calidade dos viños galegos. De cara á súa exportación, os adegueiros teñen que enfrontarse ás tendencias de cada un dos países aos que levan os seus viños. Por exemplo, en Estados Unidos –segundo recolle La Voz- está a aumentar o uso do tapón de rosca fronte ao corcho, unha tendencia que podería chegar aos viños galegos que queren ter presenza nese mercado. De feito, Adegas Valmiñor xa introduce nos seus viños un tapón metálico similar ao que pode verse en aceites e vinagres de calidade. Pese a todo, o seu emprego segue a ser minoritario en Galicia porque se asocia con viños baratos, entre outros aspectos.