A Xunta pecha once patrocinios para o Xacobeo e a Igrexa espera a visita do Papa

Este outono coñecerase o programa do Xacobeo, alomenos o groso dos actos previstos. Pero a organización dun acontecemento de tales dimensións precisa de apoios externos e a Xunta leva traballando meses en conseguilos. Polo momento, e segundo publica La Voz de Galicia, o Goberno galego xa conseguiu once patrocinios, pero agarda chegar a unha cifra próxima os 35, o que favorecería a consecución de ata 50 millóns de euros. Ata o de agora, o único nome que se coñece é o de Augas de Mondariz, pero barállanse outros como os de El Corte Inglés, Caixa Galicia ou Unión Fenosa. Agárdase que en próximas datas a Xunta dea a coñecer a lista de empresas que se suman a estes patrocinios.

Por outra banda, La Voz publica tamén que a Xunta negocia co Exército para habilitar mil aloxamentos, dada que a capacidade actual dos albergues é insuficiente para o volume de peregrinos que se agarda acoller. En paralelo, o Goberno galego vai lanzar un programa de voluntariado co que pretende potenciar a atención ao peregrino. O prazo de inscrición comezará o mes vindeiro, con dous de retraso.

Un deses peregrinos podería ser o Papa, Benedicto XVI. Alomenos así o agarda o Arcebispado de Santiago. Non obstante, Monseñor Barrio advirte do perigo de “banalización” do Camiño que podería “desvirtuar a súa dimensión espiritual”.