Galicia propón os seus cinco Fitos do Camiño Francés

O director xeral de Patrimonio Cultural, José Manuel Rey Pichel, reuniuse cos responsables e técnicos de Patrimonio e Turismo das Comunidades de Castilla y León, La Rioja, Navarra e Aragón, cos que debatiu sobre o programa Hitos del Camino, da creación dunha peregrinación musical, da proposta dunha exposición itinerante ou o do desenvolvemento do programa Patrimonio Aberto.

Galicia presentou os seus Hitos del Camino como 5 elementos de gran significación xacobea: o núcleo do Cebreiro, o mosteiro de Samos, Vilar de Donas en Palas de Rei, a igrexa de Santa María de Leboreiro en Melide e a Catedral de Santiago. Estes fitos posuirán certos elementos comúns identitarios, o principal un tótem ou sinalizador que se prevé situar a carón do monumento como claro símbolo de pertenza aos fitos do Camiño de Santiago Francés.

Outras actividades que se barallan son a realización dunha peregrinación musical a cargo dun coro de renome ou unha exposición itinerante que xirará en torno ao Barroco.