Ordeada a pesca marítima de recreo

A Consellería do Mar publicou no Diario Oficial de Galicia a Orde pola que se desenvolve o Decreto 211/1999, que regula a pesca marítima de recreo. Nel establécense tanto condicións para o exercicio desta actividade de carácter recreativo como as modalidades de licencia e as autorizacións necesarias para a súa práctica.

O obxecto desta orde é regular o procedemento para a obtención e renovación das distintas modalidades de licencia que habilitan para práctica da pesca marítima de recreo, de xeito que se busca unha simplificación administrativa neste procedemento. A nova orde establece ademais os topes máximos de captura aos que habilitan as distintas modalidades de licencia ou autorización, os útiles da pesca, as zonas nas que está prohibido o exercicio da pesca recreativa submarina e o horario da pesca marítima de recreo.