Premio de Nacións Unidas para a rehabilitación da Tinería

A rehabilitación do barrio da Tinería, en Lugo, foi un dos catro proxectos arquitectónicos de vivenda españois premiados cun “good” no Premio Internacional Dubai 2008, convocado polas Nacións Unidas no marco do “Programa de Mellores Prácticas e Liderazgo Local de Nacións Unidas”.

A finais dos anos 90 a Tinería, un barrio do casco histórico de Lugo, situado dentro da muralla e moi preto da catedral, atopábase tremendamente degradado, tanto dende o punto de vista arquitectónico como social. A maioría das edificacións do barrio estaban entón arruinadas ou en proceso de ruína, mentres que no barrio só sobrevivían algúns locais hostaleiros e unha actividade principal: a prostitución.

En 2001 o IGVS decide acometer un ambicioso programa de recuperación do barrio por medio de dúas actuacións, consistentes na rehabilitación arquitectónica dos edificios e a urbanización dos solares baleiros, por unha parte, e a recuperación do antigo carácter residencial do barrio, rehabitándoo, por outra. Chegaron a traballar no barrio ata quince equipos de arquitectos.