Unha nova liña de axudas para a innovación no Xacobeo

A Consellería de Economía e Industria vén de publicar unha nova liña de axudas para o financiamento de accións orientadas a produtos ou servizos de innovación tecnolóxica relacionados co Xacobeo. A dotación da convocatoria é dun millón de euros. Poderán beneficiarse destas achegas accións que empreguen as Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (TIC) para incrementar a calidade da oferta turística e das actividades e servizos relacionados co Xacobeo. Por exemplo, dispositivos móbiles, de localización ou redes sociais e web 2.0.

Por outra banda, a Xunta investirá 1,2 millóns de euros no Camiño Portugués ao seu paso por Pontevedra, segundo avanzou o xefe territorial de Cultura, José María Picallo. A intervención adicarase a traballos de recuperación, sinalización, rehabilitación e ampliación da rede de albergues. A Xunta non descarta, así mesmo, celebrar algún concerto de entidade na capital do Lérez.