Varela fai un chamamento á implicación de toda a cidadanía para afrontar o Xacobeo

O conselleiro de Cultura e Turismo compareceu no Parlamento para informar sobre as liñas programáticas do Xacobeo 2010. Na súa intervención, o conselleiro transmitiu a necesidade da implicación de toda a cidadanía e dos poderes públicos, forzas sociais e entes privados, “para que poidamos afrontar xuntos este inmenso reto coa forza imparable do esforzo común”.

Varela aproveitou a ocasión para agradecer o interese de cidadáns e institucións que ata o de agora materializouse nas máis de 700 propostas recibidas pola Comisión de Avaliación de Proxectos do Xacobeo e que se atopan en proceso de selección. O conselleiro tamén cualificou de “óptimo” o traballo realizado ata o momento no campo do patrocinio, segundo reflicten os 6 millóns de euros recadados e as negociacións en marcha “con máis de 20 entidades privadas”.

Por outra banda, o director xerente do Xacobeo, Ignacio Santos, asistiu á presentación, no Museo Thyssen de Madrid, das sesións de contacontos e os obradoiros de creación artística e de animación á lectura do proxecto “Os contos do Camiño”. Nestas sesións, darase a coñecer o patrimonio cultural e artístico das diferentes rutas xacobeas a través dos contos de tradición oral e das obras de arte dos países por onde discorren e participarán máis de 25.000 escolares. As actividades terán como sede itinerante ás cidades de Évora, Bordeaux, Óbidos, Madrid e, como peche final, Santiago de Compostela.