Trinta e nove establecementos súmanse ao produto Ruta dos Arrieiros que promove Terras de Pontevedra

A mancomunidade turística Terras de Pontevedra está impulsando un novo produto que ten como leitmotiv a Ruta dos Arrieiros, a antiga vía que servía para transportar viño entre Ribadavia e o peirao das Corbaceiras (Pontevedra). Os concellos que máis directamente participan na iniciativa son, precisamente, o de Pontevedra e o de Ponte Caldelas e a mancomunidade xa conseguiu que trinta e nove establecementos se sumaran a ela. Son establecementos de restauración, aloxamento, empresas de turismo activo e tempo libre, comercios e tendas de artesanía.

Como estratexia de promoción, unha vintena de restaurantes ofertan menús específicos ao prezo de vinte e trinta euros. Como novidade, ofértase un bono gastronómico que se quere promocionar a xeito de agasallo.