Cultura e Turismo pon en marcha cursos de idiomas para profesionais do turismo, hostelería e comercio

A Consellería de Cultura e Turismo porá en marcha no mes de febreiro cursos de idiomas de inglés, francés e alemán a nivel básico, dirixidos ao sector para que os profesionais poidan aplicar eses coñecementos lingüísticos ao seu campo de actividade e gañar deste xeito unha maior competitividade.

As accións formativas de inglés, francés e alemán desenvolveranse no segundo cuadrimestre do presente ano académico nas Escolas Oficiales de Idiomas e nas súas seccións. A programación realizarase nun máximo de 60 horas e o número máximo de prazas por curso non debe superar as 25.

A iniciativa enmárcase no programa "Anfitrións de Galicia", co obxectivo principal de capacitar ao alumnado con estratexias de comunicación eficaces que favorezan a realización das súas funcións profesionais.