O BNG acusa a Roberto Varela de privatizar a promoción do turismo

O Bloque Nacionalista Galego vén de acusar ao conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, de desenvolver unha política “privatizadora” da promoción do turismo en Galicia. A voceira nacionalista da materia, Carme Adán, denunciou que as casas de turismo rural están recibindo unha comunicación escrita na que se informa de que Turgalicia “deixa de ofrecer o servizo central de reservas xa que pasa a ser responsabilidade dunha empresa privada”.

Por iso, a deputada presentou unha iniciativa no Parlamento na que solicita información sobre os motivos que levan ao departamento autonómico a “privatizar a Central de Reservas de Turgalicia”, así como as transformacións tecnolóxicas que prevé con esta nova ferramenta, cun custo de 192.000 euros.