Os concellos confían no tirón da Semana Santa

A ponte de San Xosé foi irregular e non todas as comarcas galegas gozaron de altos índices de ocupación. Por exemplo, Santiago ou Pontevedra encheron os seus hoteis pero en zonas como A Coruña a ocupación baixou ata o 85% e en Ourense, ata o 60%, segundo informan varios medios de comunicación. Por iso, os concellos –e as asociacións de hostelería- agardan que a Semana Santa axude a que se acheguen a Galicia máis visitantes.

Atención especial merecen os concellos que contan con programacións significativas por esas datas, como é o caso de Ferrol ou Viveiro. En ambas localidades hai deseñado un amplo programa de actividades que, de seguro, espertará o interese dos máis devotos, pero tamén daqueles que gocen co espectáculo que supoñen as procesións dende un aspecto máis visual.

En Ferrol, o Concello e a Coordinadora de Cofradías, a Armada, os hostaleiros e os comerciantes da cidade desenvolveron un programa que inclúe os actos relixiosos propiamente ditos pero tamén visitas guiadas á cidade, excursións pola comarca, un ciclo de música sacra, exposicións, actividades de ocio para nenos e mozos e a celebración do XIII Salón do Cabalo de Ferrol-Equiocio. En Viveiro tamén teñen todo preparado para celebrar a Semana Santa, unha das máis importantes do noroeste peninsular, e agardan a chegada de milleiros de visitantes.

Pola súa banda, a Asociación de Hospedaxe de Pontevedra (Asehospo) prevé unha recuperación do sector en Semana Santa coa chegada de 50.000 turistas á provincia. Pese a que o gasto será “comedido”, ao ver do colectivo, Asehospo prevé unha media de ocupación na provincia do 60% por Semana Santa, con picos do 80% nas dúas ou tres noites máis importantes. Estes datos superarían con creces os obtidos o pasado ano, cando non se chegou ao 40% de ocupación.