Turismo promociona o destino Galicia nos mercados europeos

A Consellería de Cultura e Turismo está a desenvolver unha campaña de promoción do Xacobeo 2010 e das conexións aéreas directas con Galicia nos medios de comunicación das cidades europeas con aeroportos nos que operan compañías que voan directamente a Galicia. Así, está a inserir entre os meses de marzo e maio publicidade nos xornais de máis audiencia de Roma, París, Bruxelas, Amsterdam, Frankfurt e o resto de Alemaña, Londres, Lisboa e Zurich.

Con esta acción publicitaria, baixo o lema de ‘Galicia 2010, festa ao final do Camiño’, Turgalicia promociona o destino Galicia nos contornos dos aeroportos europeos que conectan directamente cos aeroportos galegos a través das compañías Ryanair, Vueling, Air France, TAP e Air Berlin. Está previsto que ao longo do segundo trimestre do ano, Turgalicia amplíe esta acción publicitaria para manter a promoción dos voos directos desde as principais cidades europeas a Galicia.

Por outra parte, esta promoción do Turismo de Galicia nos principais mercados europeos verase reforzada co convenio de colaboración que asinarán Turgalicia e Turespaña para o desenvolvemento dunha campaña publicitaria dentro da nova campaña desenvolvida polo Instituto de Turismo de España, baixo o claim I need Spain, (Necesito España).