Balance da campaña de marisqueo nos Lombos do Ulla

A campaña de libre marisqueo nos Lombos do Ulla, no Bohído e en Cabío, que se iniciara o pasado 5 de outubro de 2009, remata cunha produción de 1.065 toneladas de bivalvos, logo de 120 xornadas de marisqueo, segundo a información facilitada polos puntos de venda á Consellería do Mar.

Segundo esta información aportada polas confrarías, dende o seu comezo e ata 16 de abril –día do remate da campaña- nos Lombos do Ulla, extraéronse 569.000 quilos de berberecho, 107.000 quilos de ameixa fina, 208.000 quilos de ameixa xaponesa e 9.000 quilos de ameixa babosa aproximadamente.

O balance desta campaña marisqueira reflicte que, a pesar do mal tempo que afectou á actividade a maior parte do inverno, foi unha das mellores rexistradas dende o 2002. A parada de días por mal tempo foi compensada cunha prórroga excepcional da campaña ata o pasado 16 de abril, 15 días máis do previsto.