A fidelidade ao comercio coruñés ten premio

A sede da Federación Provincial de Comercio acolleu o sorteo para dúas pasaxes no cruceiro Empress (operado por Pullmantur), o primeiro que terá como punto de embarque o porto da Coruña, e que partirá o 3 de maio do peirao de Trasatlánticos da cidade herculina. Estiveron estarán presentes o primeiro tenente de alcalde e responsable da área de Turismo, Henrique Tello, e o presidente da Federación Provincial de Comercio, Miguel Agromayor, así como representantes da citada federación, do Consorcio de Turismo e da Autoridade Portuaria da Coruña.

Neste sorteo resultou agraciada cunha viaxe para dúas persoas a clienta Mercedes Rodríguez, que realizou unha compra nun establecemento colaborador. Nesta iniciativa participaron 300 establecementos asociados á Federación de Comercio. En total repartiron 300 talonarios de 50 participacións cada un. Isto tradúcese en 15.000 participacións que foron distribuídas entre os clientes que realizaran unha compra nun deses establecementos.

Para o primeiro tenente de alcalde, é “imprescindible” contar coa colaboración dos sectores implicados para obter “o máximo aproveitamento do tráfico de cruceiros na cidade da Coruña, tanto no que respecta a beneficios económicos como ao importante papel que teñen estes turistas que chegan por vía marítima para difundir nos seus países de orixe a imaxe da cidade”.