Incremento da ocupación hoteleira en marzo

A Enquisa de Ocupación Hoteleira do Instituto Nacional de Estadística para Galicia revela que a cifra de viaxeiros aloxados en establecementos hoteleiros da comunidade durante o mes de marzo medrou un 14% a respecto do mesmo mes de 2009. Se se ten en conta o acumulado do ano 2010, a cifra de viaxeiros supera nun 4% á rexistrada no primeiro trimestre do exercicio anterior.

No tocante ás pernoitas en establecementos hoteleiros rexistradas durante este mes de marzo a cifra supera nun 10,58% ás rexistradas o ano pasado. Tendo en conta a taxa de variación interanual das pernoitas entre marzo de 2008 e marzo de 2009, neste último ano, a cifra de pernoitas en establecementos hoteleiros caera un 27% a respecto de marzo de 2008. A porcentaxe acadada en marzo de 2010 en relación a marzo do ano pasado é incluso superior á media do territorio nacional, que foi do 7,53% fronte ao 10,58% rexistrada en Galicia.

A variación interanual na cifra de viaxeiros en Galicia foi un 6,5% superior á rexistrada no conxunto de España e a cifra de pernoitas en comparación con marzo de 2009 superou en Galicia nun 3% á rexistrada no resto do Estado.

Os prezos hoteleiros experimentaron neste mes de marzo unha suba do 0,8% invertendo a tenencia descendente que se rexistraba dende setembro de 2008. Doutra parte, o ingreso por habitación dispoñible subiu no conxunto da oferta hoteleira en Galicia un 9,3% a respecto do mesmo mes de 2009. Esta cifra triplica os valores rexistrados nos ingresos por habitación no conxunto do Estado.

O 87,69% dos viaxeiros aloxados en establecementos hoteleiros galegos son de procedencia nacional mentres que a porcentaxe restante corresponde ao mercado internacional. Ambos experimentaron incrementos interanuais positivos, maior no caso dos españois –cunha suba do 15,2%- en relación aos estranxeiros –que medraron un 5,9%-.

Estes datos consolidan a recuperación do sector turístico que xa se reflectira nos dous primeiros meses do ano. O acumulado do primeiro trimestre de 2010 rexistra tamén datos positivos na cifra de pernoitas. As pernoitas rexistradas nos establecementos hoteleiros de xaneiro a marzo de 2010 superan nun 2,15% as rexistradas no mesmo período de 2009.