Música e poesía nos Camiños

A iniciativa Camiños de Amor e Lúa, organizado por Xacobeo 2010 e enmarcado no Ano do Libro e da Lectura, chega este sábado 29 de maio, ao concello coruñés de Muxía dentro do seu percorrido polas diferentes rutas que levan a Santiago.

Nesta cita, que terá lugar no Salón de Actos do Voluntariado a partir das 20.00 horas, o poeta nado en Muxía Xosé Henrique Rivadulla Corcón será o encargado de amenizar esta etapa do camiño coas súas verbas, acompañado polo trompetista e músico Franky Valencia, co poemario Camiño ao Mar da súa autoría. Con esta actuación, a iniciativa achegase ao ecuador do seu programa, que rematará o próximo 2 de xullo en Compostela.

No marco de Camiños de Amor e Lúa desenvólvense unha serie de eventos de animación á lectura, nos que se mesturan música e poesía, que terán lugar en 30 concellos polos que discorren os distintos camiños que teñen como meta Santiago de Compostela.