O conselleiro de Economía visita Darlim co gallo do seu 25 aniversario

O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, salientou que a Xunta destina este ano un total de 17,4 millóns de euros a proxectos de mellora da competitividade do tecido produtivo galego, dentro duns orzamentos xerais que reflicten un incremento global dun 12% para reforzar este eixo estratéxico a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape).



Javier Guerra fixo estas declaracións durante a xornada de portas abertas organizada pola empresa Darlim, situada no Polígono da Granxa (Porriño), para celebrar o seu 25 aniversario. O conselleiro de Economía e Industria salientou o exemplo desta firma galega como empresa competitiva a través da incorporación de sistemas de calidade para incorporar a innovación á súa xestión. O conselleiro gabou o alto grao de especialización alcanzado por Darlim no sector da distribución e venda de artigos de limpeza e hixiene industrial, o que lle permitiu “chegar a cotas moi importantes de competitividade e afianzar unha posición de referencia no mercado, ademais de consolidar un bo número de empregos grazas á fidelización dos seus máis de 3.000 clientes”.