Xardíns efímeros en Pontevedra

Os xardíns efémeros instalados nas pontevedresas prazas de Compostela, na Audiencia na Peregrina, Curros Enríquez e en Méndez Núñez están a causar un grande interés entre os cidadáns, que se achegan para ver a súa orixinalidade. Esta actuación complementaranse durante estes días, ata o 25 deste mes, con música en todas as prazas., e finalmente, o martes, 25 de maio, ás 20.00 horas en Rosalía de Castro (na praza da Audiencia).
Os cinco xardíns teñen montaxes diferentes e variadas con formas triangulares, circulares e cadradas. Ademais, teñen materiais diferentes: madeira, pedra, cortén, flor de temporada, arbustos e, incluso, árbores tratando de extraer distintas sensacións no espectador. Cabe lembrar que esta actividade está incluída dentro da programación de A cidade é túa! Enerxía Verde, que vén desenvolvendo este departamento xestionado por Raimundo González, dende o pasado 16 de abril.
Os de Pontevedra son a segunda mostra de arte de xardíns de toda España, despois do de Bilbao que comezou en 2007. Está previsto que Allariz confeccione uns en breve, que comezará por importar xardíns expostos en Portugal (terá un espazo acoutado).
O máis famoso dos xardíns efémeros de Europa é o de Chaumont sur Loire (no Val do Loira) que está aberto de abril a outubro. Tamén é moi recoñecido o de Ponte da Lima, en Portugal, que ocupa un parque pechado durante cinco meses. Nel participaron candidaturas de Italia, Irán, Francia, Venezuela, Arxentina, Brasil, China… Precisamente, a última edición dos xardíns efémeros de Ponte da Lima foi visitada por máis de 30.000 persoas, o que dá exemplo da dimensión que están a conseguir este tipo de festivais, de feito estase a configurar unha rede europea de festivais de xardíns.