Carmen Pardo participa nun encontro internacional da UIMP

A secretaria xeral para o Turismo, Mª Carmen Pardo López, participou onte en Santander nun encontro internacional na Universidade Internacional Menéndez Pelayo (UIMP), organizado por Exceltur, onde falou sobre os retos competitivos do turismo de Galicia como prioridade para a Consellería de Cultura e Turismo. A secretaria xeral estivo acompañada pola Conselleira de Turismo de Baleares, Joana Barceló; Mª Pilar Zorrilla, viceconselleira de Comercio e Turismo do País Vasco, e a Victoria Palao, vicenconselleira de Turismo de Valencia, nunha mesa redonda moderada por Antonio costa, director do Centro de Intelixencia Turística (INTELITUR) das Cámaras de Comercio.
Carmen Pardo expuxo durante a súa intervención cómo abordar o reto da colaboración entre o sector público e o privado. Así, no caso concreto de Galicia destacou algunha das iniciativas postas en marcha neste sentido, como o funcionamento da Agrupación Empresarial Innovadora (AEI) termal ou o Debate do Estado de Turismo celebrado o ano pasado, que deu lugar ao Plan de Acción do Turismo de Galicia 2010-2013, polo que se está rexendo a política turística galega actual.