Medra a cabaña da raza ovella galega

O conselleiro do Medio Rural, Samuel Juárez, asistiu na localidade ourensá de Allariz á Xornada divulgativa sobre a carne de raza ovella galega. Neste foro analizouse a situación actual e perspectivas de futuro desta raza ovina, catalogada como de protección especial.
Na actualidade, en Galicia existen 90 ganderías dedicadas a esta actividade, cun total de 2.439 cabezas, rexistrándose nos últimos tempos un incremento destacado no número de exemplares desta raza autóctona.
A ovella galega ten destacadas cualidades produtivas, pola súa alta taxa de fecundidade, sendo normais os partos dobres e mesmo moi frecuentes os múltiples, así como pola gran resistencia que presenta ás enfermidades. A orientación produtiva principal é cara a carne de calidade, xa que o seu leite dedícase integramente á alimentación dos cordeiros.