Reverte e Llamazares poñen a guinda ao Encontro Internacional de Literatura de Viaxes

A cuarta xornada de LITVI 2010, o Encontro Internacional de Literatura de Viaxes organizado por Xacobeo 2010 e que está enmarcado no Ano do Libro e da Lectura, está protagonizada na xornada de hoxe (23 de xuño) por dous escritores de éxito entre o público lector viaxeiro, Javier Reverte e Julio Llamazares, que presentarán os seus libros.

Asemade, esta é a última xornada do congreso As literaturas do Camiño, que forma parte das actividades de LITVI 2010. O experto italiano Paulo Caucci falará de Relacións de Italia co Camiño, a partir das 10.00 horas e coa presentación de Juan Conde Roa. A continuación, chegará unha mesa de debate sobre Outras miradas sobre o Camiño, coa presenza de Xurxo Lobato, Pilar Tejera, Pere Tobaruela, José de Cora, Xosé Miranda Ruíz e Guillermo Campos.

As conclusións do congreso serán lidas por Xosé María Palmeiro, vicepresidente da Asociación de Xornalistas do Camiño. Tras as valoracións, chegará o acto de clausura, coa presenza de Francisco López García, director Xeral de Promoción e Difusión da Cultura.