Varela e Pardo presentan a campaña Presume de Galicia

O Conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, e a Secretaria Xeral para o Turismo, Carmen Pardo, presentaron a campaña de sensibilización turística Presume de Galicia, que busca o compromiso da cidadanía galega coa imaxe turística de Galicia. Esta campaña, que estará activa durante 20 días nos principais medios de comunicación de Galicia, ponse en marcha no momento no que comeza a meirande afluencia de visitantes por mor do Xacobeo 2010 e o inicio da tempada estival.

Coincidindo con este período, o Conselleiro de Cultura e Turismo considera necesario “concienciar, aínda máis, á poboación galega e aos profesionais que viven da hostalería da importancia de manter actitudes positivas e proactivas cara o turismo, como un xeito fundamental de manter a competitividade do sector”. O conselleiro afirmou que “un dos aspectos que máis valoran aqueles que nos visitan é o bo trato e a amabilidade que se lles dispensa en Galicia”, e que a través desta acción de sensibilización “conseguiremos continuar consolidando o turismo como un potente motor económico para Galicia, tanto no volume de ingresos anuais por turista como na creación de oferta”.