Pontevedra reclama unha protección extraordinaria do Camiño Portugués

O alcalde de Pontevedra, o nacionalista Miguel Anxo Fernández Lores, pide que o Camiño Portugués teña unha protección “extraordinaria” para a súa preservación. O rexedor lembra que actualmente existe unha lei xenérica que delimita o ancho do camiño nuns tres metros e que establece 30 metros de afectación nas marxes.

O alcalde pide que se leve a cabo un reglado “perfectamente definido” que teña en conta o importante valor do Camiño Portugués como Patrimonio da Humanidade. Lores sinalou –como recolle Faro de Vigo- que a ruta é “un escaparate de Galicia cara fóra” e unha fonte de gran riqueza pola importancia turística que supón.